Formación paso a paso
O Colexio
No Colexio Guillelme Brown fúndense anos de historia, esforzos e ilusións de profesores, pais, nais, alumnos, colaboradores e amigos, cunha mesma finalidade: A procura da calidade e excelencia educativa.
Arredor desta idea nace o Colexio Guillelme Brown no ano 1987, un centro privado (na actualidade privado concertado plurilingüe), mixto, non confesional, independente, non vencellado a ningunha ideoloxía política ou relixiosa pero si aberto a todas as liñas de pensamento baseadas na ética democrática e nos principios da Declaración dos Dereitos do Home.
O noso proxecto educativo parte dos presupostos metodolóxicos e pedagóxicos que puxo en movemento a Institución Libre de Enseñanza e que se foron enriquecendo ao longo do século XX coas achegas de ilustres pedagogos que comezaron a distinguir entre a simple instrución e a formación integral do individuo.
O Colexio Guillelme Brown está situado nun entorno natural, a tres quilómetros de Ourense. Ocupa unha finca de máis de 21.000 metros cadrados con zonas de bosque autóctono, espazos axardinados, charcas, invernadoiro, parque infantil, piscinas, pavillón polideportivo cuberto, pista polideportiva exterior e unha ampla gama de instalacións que inclúen comedor, biblioteca, laboratorio de ciencias, taller de tecnoloxía, aulas específicas de danza e psicomotricidade, informática, música, plástica…dotadas dos materiais e ferramentas dun colexio do século XXI.
A Orixen
Un grupo de oito soñadores reuníronse para formular un novo modelo de centro educativo na provincia de Ourense que traspasase os tradicionais muros do sistema educativo maioritariamente implantado, de carácter memorístico e maxistral, alá polo ano 1986.
Na procura dunha pedagoxía anovadora, aberta, participativa e experimental, adoptaron a fórmula de cooperativa de ensino para darlle forma a un proxecto que estaría marcado por esta metodoloxía de traballo colaborativo e de equipo, nas que hoxe se inspiran as liñas educativas europeas.
Unha escola que formase os alumnos para as necesidades dun mundo cada vez máis global, onde se desenvolvesen as súas capacidades de administrar, filtrar, escoller e utilizar as grandes cantidades de información e acceso ao coñecemento. Unha aprendizaxe que valora a comunicación en varios idiomas, o manexo das ferramentas tecnolóxicas, a investigación, a sostenibilidade do planeta e a conexión do seres humanos coa natureza e un largo etc., nunha sociedade na que analizar e decidir será máis importante que almacenar e repetir.
O Nome
O Colexio Guillelme Brown colle o seu nome da personaxe rebelde e inconformista William Brown, protagonista da saga de libros ingleses Just William “Guillermo el travieso” da escritora Richmal Crompton Lamburn, na que un neno e os seus amigos (Los Proscritos) poñen a proba os límites da sociedade e a clase media na que viven, con resultados caóticos e divertidos, xa que sempre teñen diferenzas de opinión sobre a educación e a conduta razoable que tratan de inculcarlle os adultos e que consideran hipócrita. Decidiuse traducir o nome de William pola versión galega de Guillelme e respectar o apelido Brown orixinal para darlle o nome de Colexio Guillelme Brown.
O logotipo representa un lapis e unha flor que sintetiza a idea de educar na natureza, nun entorno saudable, libre de contaminación acústica e ambiental, co obxectivo de proporcionarlles seguridade e benestar diario aos cativos, no entorno próximo no que conviven e se forman
Instalacións
O Colexio Guillelme Brown ocupa unha finca de máis de 21.000 metros cadrados con un espazo de bosque autóctono, zonas axardinadas e varias edificacións: tres edificios de aulas, biblioteca, aula Mac, sala ballet, salón de usos múltiple, un patio cuberto, canchas, piscinas e un pavillón polideportivo.
Equipo Directivo
No ámbito educativo o equipo directivo atópase formado polas seguintes persoas:
• Directora: Yolanda Valeiras Vázquez
• Xefa de Estudos: Fátima Sánchez Aller.
• Secretario Educativo: Adolfo Pardo Rodríguez.
A titularidade do centro educativo é a Sociedade Cooperativa Galega Colexio Guillelme Brown, e na súa representación:
• Administradora Xeral: Ángeles Garrido Pato.