A educación infantil no Guillelme Brown

O segundo ciclo de educación infantil (3 a 6 anos) constitúe unha etapa educativa de suma importancia para o desenvolvemento integral e harmónico da persoa. Nesta primeira infancia os avances neurocientíficos demostran que a base e soporte da personalidade fórmase nestes anos e que existen fiestras onde a plasticidade neuronal permite unha rápida asimilación de coñecementos. Nesta etapa de intensidade cognitiva entendemos a importancia de ofertar experiencias eficaces para asentar as bases de futuras aprendizaxes.

O noso obxectivo é que os nenos sexan os protagonistas da súa propia aprendizaxe e que sexan capaces de construír os seus coñecementos coa capacidade de desenvolver a curiosidade, a intuición, a imaxinación e a decisión cunha mentalidade aberta e crítica. Cremos que os nenos deben ter experiencias significativas e activas, que poidan experimentar, tocar, crear e buscarlle un sentido propio ás actividades. Deste xeito, o neno vai incorporando e construíndo os seus coñecementos.

No Colexio Guillelme Brown entendemos a necesidade de educar dun xeito personalizado e integral respectando as diferentes capacidades, ritmos, aptitudes, motivacións e intereses. Cada alumno é único. Dentro da aula créase un ambiente rico en estímulos, experiencias e vivencias que potencian a súa formación integral.

A metodoloxía empregada dentro e fóra da aula é:

  • Activa: As actividades propostas son baseadas fundamentalmente no xogo, tanto libre como dirixido, que fomenta a curiosidade, imaxinación, capacidade de resolución de problemas e socialización.
  • Flexible: As actividades son adaptadas as capacidades individuais.
  • Sensorial: Foméntase un contacto activo por medio dos sentidos.
  • Afectiva: As emocións orientan e desenvolven as interaccións co entorno facilitando o desenvolvemento integral do neno proporcionando seguridade e autonomía.

As TIC´s pasaron a formar unha ferramenta imprescindible de apoio ó proceso de ensinanza no colexio coa incorporación da pizarra dixital e o uso da aula Mac polos alumnos.

Durante esta etapa iníciase un programa de aprendizaxe do inglés, dado o especial momento evolutivo onde a plasticidade neuronal favorece a adquisición da linguaxe, todo o alumnado ten sesións diarias impartidas por profesorado nativo onde o enfoque empregado baséase na comunicación oral e significativa. Incorpórase dentro da aula de xeito globalizado e natural co obxectivo de espertar unha motivación e gusto pola aprendizaxe da lingua inglesa.